A cultura do esforzo xeneroso, descoñecido, das mulleres do mar levou no añou 2020 á Asociación de Mulleres Salgadas a crear o Premio Muller Salgada, de carácter anual, coincidindo coa celebración do Día Internacional da Muller.
Este recoñecemento pretende ser unha merecida homenaxe ás mulleres do mar, anónimas, descoñecidas polo público en xeral, que desde o seu labor sacrificado, solidaria, positiva, contribuíron de maneira innegable ao desenvolvemento e progreso das profesións do mar, facendo avanzar as condicións laborais, económicas e sociais do sector pesqueiro
Xa temos o Premio Muller Salgada 2024! Este ano as galardoadas son as traballadoras da Confraría de Rianxo:
• Amelia Caamaño Otero, bióloga
• Mónica Méndez Somoza, secretaria
• Rocío Rodríguez Sabugueiro, administrativa
• Ana Belén Fernández Divos, administrativa
Coa entrega deste premio, queremos recoñecer o gran labor que desempeñan as mulleres nas confrarías. Secretarias, biólogas, administrativas, lonxeiras, etc. Son figuras imprescindibles sen as cales unha confraría non podería funcionar e que adoitan permanecer na sombra.
Mulleres Salgadas quere facer un recoñecemento público e poñer en valor a súa contribución ao resto da cadea. Sabemos que tamén para elas está a ser un ano complicado e que apenas reciben atención.
Por iso, este premio que recollen Amelia, Mónica, Rocío e Ana Belén, é para todas e cada unha de vós.
Grazas, compañeiras!
Unha vida de amor á ribeira
Obdulia Piñeiro Nogueira, ‘Dula’, naceu no ano 1967 na parroquia de San Miguel de Deiro, en Vilanova de Arousa. Leva máis de 34 anos traballando como mariscadora. Pertence á confraría da Pastoriza de Vilanova.
Este ano 2023 recibirá o premio Muller Salgada, como recoñecemento á súa evolución dentro da asociación, á súa entrega e paixón, o seu talante colaborador, o seu carácter sempre aberto a botar unha man, e as ganas de contribuír co seu esforzo para mellorar a vida e as condicións de traballo das mariscadoras. Desde Mulleres Salgadas fomos testemuñas do seu crecemento e empoderamento, superando o seu carácter tímido.
Nas pasadas eleccións ás confrarías, decidiu dar un paso adiante e presentarse a patroa maior, a pesar das dificultades e as resistencias que atopou.
Dula lembra que os seus primeiros recordos no marisqueo están unidos á súa avoa. Con ela baixaba á ribeira a ‘pañar’, como facían as familias con menos recursos da zona. “As mulleres máis pobres eran ás que ían á ribeira, porque así sempre asegurabas que habería algo para comer”, recorda hoxe.
De moza traballou nunha fábrica de peixe, como empacadora e cortadora. Pero ao ser nai, con 21 anos, atender á familia e o emprego na fábrica supoñía moito esforzo. Foi entón cando alguén lle suxeriu apuntarse á ribeira.
“Os inicios foron malos; había xa pouco marisco pola sobreeexplotación e a falta de control. Eu, ademais, era novata e tampouco sabía ben como ‘pañar’. Teño ido bastantes días para casa sen recoller nada. E se non collías, non gañabas”.
Era un tempo no que aínda non se completara o proceso de regularización do marisqueo en Galicia. Por tanto, foron momentos de precariedade laboral e conflitividade. “Pagábase moi pouco e a maioría da xente non cotizaba. Había unha discriminación enorme cara ás mulleres mariscadoras, porque o noso traballo considerábase un complemento, non un emprego máis. Ademáis de ir mariscar, as mulleres encargábanse da casa, da horta, dos animais, do coidado da familia e dos maiores… O noso traballo non se valoraba, e aínda hoxe eu creo que non se valora socialmente como é debido. Hai moitos problemas por resolver”.
Saír día a día á ribeira deixa pegada no corpo. Dula destaca que, habitualmente, arredor unha cuarta parte das persoas que pertencen á agrupación de mariscadoras están de baixa. Á recollida do marisco hai que sumar as horas que pasan sementando, limpando o lixo ou vixiando para evitar o furtivismo.
A liberdade do marisqueo
Pero, a cambio, ela e moitas das súas compañeiras valoran a liberdade que ofrece o marisqueo. E, ademais, é un lugar no que Dula é feliz. “O mar é a miña vida. Encántame ir traballar, e tamén pasear pola area e ver todas as especies distintas que temos aquí. Ou cando fai temporal, por exemplo, adoro ir ata a Lanzada a ver as ondas e sentir o vento. Gústame falar coa xente, porque este é un lugar onde todo o mundo é aberto”.
Tamén valora a solidariedade que predomina na agrupación. Axudámonos unhas ás outras e iso é moi gratificante. Moitas somos compañeiras desde hai moitos anos e ao final fas grandes amizades, porque compartes moito tempo en común: vas para a ribeira, logo á lonxa, despois tomas un café antes de volver para a casa.
A poesía, outra gran afección
Desde hai anos, Dula ten outra paixón: a poesía. Todo comezou tralo falecemento de varios familiares moi próximos que estaban ao seu coidado na casa. “Naquel momento foi un baleiro imposible de encher, aínda que xa tiña o netiño na casa. E entón decidín apuntarme a cursos, porque sempre me gustou aprender cousas novas, e así despexaba un pouco a cabeza da peña que tiña”.
Nunha destas actividades de formación xurdiu a idea de escribir algo. Dula pensou, por exemplo, “nunha novela que servise como homenaxe a todas esas mulleres que traballaron na ribeira. Eran mulleres que nunca puideron facer outra cousa nin tiveron elección e viviron completamente discriminadas e subordinadas”.
A novela segue na mente, pero Dula comezou a facer poesía. “En Vilanova sempre houbo tradición de compoñer unha especie de regueifas, os burros, para facer bromas entre os veciños con acontecementos que pasaban durante o ano, ou algunha cousa propia do lugar. E por aí foi como me animei a escribir algo”. Algúns dos poemas de Dula poden lerse nun blog que publicou hai un tempo, aínda que compuxo moitos outros.
Continúa lendo e escribindo para seguir compoñendo e perfilando o seu estilo, co mar sempre presente. E tamén está aprendendo a recitar. “A poesía vívese, non se le; hai que saber interpretala”, di. Tamén lle ronda a cabeza a idea de facer algún conto infantil ilustrado falando das especies da ría de Arousa, ou compilar o nome dos cons, as rochas e os lugares que a xente do mar utiliza como referencia no seu traballo diario. “Mentres escribo estou aí no meu mundo; e iso axuda a escapar dos problemas que moitas veces aparecen”.
O futuro
O amor que Dula sente polo mar e o seu traballo tamén fai que viva con preocupación algúns dos problemas que se afrontan no marisqueo. “Hai moitos vertidos e moita contaminación. O marisco non medra, apenas hai rexeneración e, de cando en vez, como este ano, mórrenos moita ameixa e navalla pola auga doce que chega do río cando chove moito”.
Bota de menos un maior compromiso social e ambiental por parte da xente que vive preto da costa. “Galicia é moi rica pero estámola matando pouco a pouco. Non se pode pensar só en facer cartos e producir sen pensar no dano que facemos contaminando o mar e a terra”.
«As homenaxeadas son tres nomes propios que representan a toda unha xeración de mulleres traballadoras que dedicaron a súa vida ao mar e que foron capaces de convertelo nun lugar máis humano e cheo de compañeirismo e sororidade.
Tres veciñas da comarca do Salnés cuxas vidas son idénticas ás de miles de nenas, nais e avoas da provincia de Pontevedra que se criaron co salitre nas mans e realizaron unha contribución fundamental a un dos sectores económicos máis importantes das Rías Baixas»
“Para nós foi unha tarde inesquecible. Un acto sinxelo e cheo de sincero orgullo e admiración. Aínda que as imaxes non poden transmitir toda a emoción que Rita, Carmen e Pepita fixéronnos vivir, queremos compartir eses momentos con todos vós”
Raquel Souto Miguens (Rianxo, 1983), Patroa Maior de Cabo de Cruz de 2014 a 2018, foi elixida por unanimidade Muller Salgada 2021, na primeira edición deste galardón.
Raquel foi exemplo de xestión, compañeirismo e valentía, asumindo, como Patroa Maior, unha confraría con importantes débedas e cun furtivismo de carácter violento ao que tivo que enfrontarse en moitas ocasións, sufrindo en primeira persoa ameazas e vandalismo contra os seus propios bens que non amedrentaron nadiña de nada a súa determinación.
Constitúe un modelo de futuro, de liderado feminino de calidade nun ámbito laboral masculino. Ademais, a súa mocidade -tiña apenas 30 anos cando se puxo á fronte da confraría de Cabo de Cruz- supón un importante reclamo para unha necesaria substitución xeracional no mar.
A entrega do Premio tivo lugar o 6 de marzo de 2021 no exterior da Confraría de Cabo de Cruz-Boiro, de mans da Conselleira do Mar, Doña. Rosa Quintana e coa presenza da Secretaria Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Dña. Susana Rodríguez