Unha vida de amor á ribeira
Obdulia Piñeiro Nogueira, ‘Dula’, naceu no ano 1967 na parroquia de San Miguel de Deiro, en Vilanova de Arousa. Leva máis de 34 anos traballando como mariscadora. Pertence á confraría da Pastoriza de Vilanova.
Este ano 2023 recibirá o premio Muller Salgada, como recoñecemento á súa evolución dentro da asociación, á súa entrega e paixón, o seu talante colaborador, o seu carácter sempre aberto a botar unha man, e as ganas de contribuír co seu esforzo para mellorar a vida e as condicións de traballo das mariscadoras. Desde Mulleres Salgadas fomos testemuñas do seu crecemento e empoderamento, superando o seu carácter tímido.
Nas pasadas eleccións ás confrarías, decidiu dar un paso adiante e presentarse a patroa maior, a pesar das dificultades e as resistencias que atopou.
Dula lembra que os seus primeiros recordos no marisqueo están unidos á súa avoa. Con ela baixaba á ribeira a ‘pañar’, como facían as familias con menos recursos da zona. “As mulleres máis pobres eran ás que ían á ribeira, porque así sempre asegurabas que habería algo para comer”, recorda hoxe.
De moza traballou nunha fábrica de peixe, como empacadora e cortadora. Pero ao ser nai, con 21 anos, atender á familia e o emprego na fábrica supoñía moito esforzo. Foi entón cando alguén lle suxeriu apuntarse á ribeira.
“Os inicios foron malos; había xa pouco marisco pola sobreeexplotación e a falta de control. Eu, ademais, era novata e tampouco sabía ben como ‘pañar’. Teño ido bastantes días para casa sen recoller nada. E se non collías, non gañabas”.
Era un tempo no que aínda non se completara o proceso de regularización do marisqueo en Galicia. Por tanto, foron momentos de precariedade laboral e conflitividade. “Pagábase moi pouco e a maioría da xente non cotizaba. Había unha discriminación enorme cara ás mulleres mariscadoras, porque o noso traballo considerábase un complemento, non un emprego máis. Ademáis de ir mariscar, as mulleres encargábanse da casa, da horta, dos animais, do coidado da familia e dos maiores… O noso traballo non se valoraba, e aínda hoxe eu creo que non se valora socialmente como é debido. Hai moitos problemas por resolver”.
Saír día a día á ribeira deixa pegada no corpo. Dula destaca que, habitualmente, arredor unha cuarta parte das persoas que pertencen á agrupación de mariscadoras están de baixa. Á recollida do marisco hai que sumar as horas que pasan sementando, limpando o lixo ou vixiando para evitar o furtivismo.
A liberdade do marisqueo
Pero, a cambio, ela e moitas das súas compañeiras valoran a liberdade que ofrece o marisqueo. E, ademais, é un lugar no que Dula é feliz. “O mar é a miña vida. Encántame ir traballar, e tamén pasear pola area e ver todas as especies distintas que temos aquí. Ou cando fai temporal, por exemplo, adoro ir ata a Lanzada a ver as ondas e sentir o vento. Gústame falar coa xente, porque este é un lugar onde todo o mundo é aberto”.
Tamén valora a solidariedade que predomina na agrupación. Axudámonos unhas ás outras e iso é moi gratificante. Moitas somos compañeiras desde hai moitos anos e ao final fas grandes amizades, porque compartes moito tempo en común: vas para a ribeira, logo á lonxa, despois tomas un café antes de volver para a casa.
A poesía, outra gran afección
Desde hai anos, Dula ten outra paixón: a poesía. Todo comezou tralo falecemento de varios familiares moi próximos que estaban ao seu coidado na casa. “Naquel momento foi un baleiro imposible de encher, aínda que xa tiña o netiño na casa. E entón decidín apuntarme a cursos, porque sempre me gustou aprender cousas novas, e así despexaba un pouco a cabeza da peña que tiña”.
Nunha destas actividades de formación xurdiu a idea de escribir algo. Dula pensou, por exemplo, “nunha novela que servise como homenaxe a todas esas mulleres que traballaron na ribeira. Eran mulleres que nunca puideron facer outra cousa nin tiveron elección e viviron completamente discriminadas e subordinadas”.
A novela segue na mente, pero Dula comezou a facer poesía. “En Vilanova sempre houbo tradición de compoñer unha especie de regueifas, os burros, para facer bromas entre os veciños con acontecementos que pasaban durante o ano, ou algunha cousa propia do lugar. E por aí foi como me animei a escribir algo”. Algúns dos poemas de Dula poden lerse nun blog que publicou hai un tempo, aínda que compuxo moitos outros.
Continúa lendo e escribindo para seguir compoñendo e perfilando o seu estilo, co mar sempre presente. E tamén está aprendendo a recitar. “A poesía vívese, non se le; hai que saber interpretala”, di. Tamén lle ronda a cabeza a idea de facer algún conto infantil ilustrado falando das especies da ría de Arousa, ou compilar o nome dos cons, as rochas e os lugares que a xente do mar utiliza como referencia no seu traballo diario. “Mentres escribo estou aí no meu mundo; e iso axuda a escapar dos problemas que moitas veces aparecen”.
O futuro
O amor que Dula sente polo mar e o seu traballo tamén fai que viva con preocupación algúns dos problemas que se afrontan no marisqueo. “Hai moitos vertidos e moita contaminación. O marisco non medra, apenas hai rexeneración e, de cando en vez, como este ano, mórrenos moita ameixa e navalla pola auga doce que chega do río cando chove moito”.
Bota de menos un maior compromiso social e ambiental por parte da xente que vive preto da costa. “Galicia é moi rica pero estámola matando pouco a pouco. Non se pode pensar só en facer cartos e producir sen pensar no dano que facemos contaminando o mar e a terra”.